Posts Tagged “harriet taylor”

Lectura de voda

016th Xul 2010Ciberlingua, Imaxines, tomonota, Xeral, , , , , ,

Cando me convidaron a ler un texto nesta voda, tiven claro que non quería falar de mitos románticos.

E pensei en traer entón da historia un home que, hai máis de 150 anos, decidiu amar unha muller rompendo as regras do seu tempo.

John Stuart Mill decidiu que el quería amar a Harriet, coa liberdade de cada día, e cada día volver elixila. E que ela,Harriet Taylor, elixira a John cada día da súa vida.

En 1851, despois de vinte anos de amizade, casaron. E el escribiu as palabras que vou ler. Estas palabras abriron un camiño. O camiño de quen inventa novas relacións entre home e muller, onde a complicidade e o encontro gañen espazos cada día, construíndo eses fíos invisibles que unen as persoas cando deciden entretecer as súas vidas.

Dixo John Stuart na súa voda:

Estando a punto -se teño a fortuna de obter o seu consentimento-, de entrar en relación de matrimonio coa única muller coa que, das que coñecín, podería eu entrar nese estado; e sendo o carácter da relación matrimonial, tal como a lei establece, algo que tanto ela coma min desaprobamos, entre outras razóns porque a lei confire sobre unha das partes contratantes poder legal sobre a liberdade de acción da outra parte, sen ter en conta os desexos e a vontade desta,

eu, carecendo dos medios para despoxarme legalmente a min mesmo deses poderes odiosos, sinto que é o meu deber facer que conste a miña protesta formal contra a actual lei do matrimonio no que atinxe a estes poderes;

e prometo solemnemente non facer nunca uso disto en ningún caso ou baixo ningunha circunstancia. (…) E de maneira absoluta renuncio e repudio toda pretensión de adquirir calquera dereito por virtude deste matrimonio.

Esta acción de John Stuart Mill contribuíu a crear o marco actual do matrimonio que desmonta muros e constrúe camiños.

Hai uns versos que o expresan así:

Eu viñen dende antes das orixes.
Ti estabas máis alá da outra beira.

E xuntos atravesamos todas as pontes.