Poema de voda

Standard

Este é un poema para Irma e para Pablo. Escrito con amizade, cariño e complicidade.

Penso en debuxarte
Pechar os ollos e adiviñar o contorno
das túas mans, da túa boca
onde aniña o sorriso da tenrura

Quero sorprenderte
nunha illa xélida do norte
inventar unha ruta boreal
Coa liberdade de saber e gañarmos

Busco descubrirte
Encherche o pelo de todas as palabras
-quercus, tridacnas, ulex-
prendidas no tempo que nos une.

Invisto en soñarte
percorrendo almofadas
mentres a música dorme
On the Streets of Philadelphia

Falo de quererte
cada mañá de domingo
en illas golfos penínsulas diques
Atravesar sen compás a rosa dos ventos…

Decido seguirte
e construír rúas empedradas
que me leven paseniño
polos reflexos da túa voz.

Grazas por deixarnos formar parte do voso día!

Os meus avatares no twitter (vol. 2)

Standard

Continuando o artigo Os meus avatares no twitter, aquí van os 9×9 avatares que cambiei, semanalmente, durante estes últimos meses.

…está a tamaño “orixinal” quitando o .mini do nome, por se alguén os quere.

 

Matricúlate na Universidá de la vida

Standard

Comentei en twitter (My other life™) unha argalla desas que me pasan polo maxín de cando en vez, na que solicitaba colaboración para levala a cabo. Todas as persoas que amosaron interese recibiron este correo e tanto elas coma ti, sodes libres de facer un forward e ver até onde chega isto.

————————————————————————————————————————————————-

Ola

Vou comezar agradecendo o teu interese nesta argallada e que esteas disposto a perder o tempo polo simple feito de pasar un bo rato. Supoño que niso se basea o éxito da web. Pero imos alixeirar…
Todo empezou:
Pensando en facer unha web na que poder escribir de xeito serio, pero con moito humor, ironía… e de ser preciso mala hostia!
En que consiste:
Basicamente a idea é a mesma que a da coñecida web http://www.elmundotoday.es: construír un espazo con artigos de humor escritos cun ton riguroso e formal.
A “Universidá de la vida” sería a web dunha universidade ficticia pero baseada nunha universidade real, coas súas áreas de coñecemento, os seus departamentos, o seu órgano reitor, as súas teses doctoroais, os honoris causa, etc.
Os contidos da web reflectirán o comportamento dunha universidade tradicional pero cun toque de humor.
Funcionaría como un blogue/portal no que haberá artigos sobre os logros, accións, descubrimentos e todo tipo de novas que podería xerar unha universidade tradicional.
O contido dos artigos debería respirar ese sentido común que ten todo o mundo e que banaliza as situacións máis serias. Como podería ser “O departamento de análise matemático descubre un erro na regla de tres”; “Un equipo de investigadores da facultade de económicas crea un produto financeiro que garante pesos a catro pesetas”; “Presentan a tese doctoral: Impacto na redución da gripe por durmir con calcetíns”; etc.
Ah! E esquecía algo que xa notaríades. A lingua. A min gustaríame que fose un proxecto en lingua galega, pero a intención é chegar a todo o territorio hispanofalante (se pensamos en sacar cartos, se non chegamos nós!) polo que a proposta é facer a web en castelán, sen omisión de versión galega (o noso propio campus).
Que se necesita:
Inicialmente precisaríase un deseño institucional (logotipo e esas cousas) para a universidade e a estrutura da web acorde con el.
Á hora de crear contidos penso que podería ser suficiente unha persoa por área de coñecemento (experimentais, da saúde, sociais e xurídicas, técnicas, humanidades…)  para escribir un ou dous artigos semanais de menos extensión que o que levo escrito neste correo.
Como obter beneficios:
Non se me ocorre ningún outro modo de obter beneficios nun primeiro momento que o da publicidade na propia web, pero sempre podemos pensar en contactar coa propia xente de El mundo today e propoñerlles a idea. Ou falar con Universia ou calquera outra entidade que teña relación coa universidade que quixera promocionar este espazo.
E se a cousa funciona:
Estaría moi ben, pero imos poñer os pés no chán. Por que poderíamos matricular xente e incluso ofrecer titulacións simbólicas. Ou vender merchandaisin (camisolas, colantes, etc.). Ou integrar xogos en liña que poidan xerar ingresos. Ou reconverter nun espazo social de interación das persoas (si, un facebook). Ou… volver a poñer os pés no chán e ir vendo como van saíndo as cousas.
E agora que?
Pois agora falas ti. Se pensas que podes/queres/che apetece/etc. participar e facer a túa achega, podemos ir coordinando as cousas. Responde a este correo coas túas impresións e xa imos vendo. Probablemente abra un grupo no Google Groups para poder ir comentando as cousas.
Sobre min e esta idea:
Estas son das cousas que un día colles con moita forza e que vai perdendo aire co tempo, como tantas. Igual é unha desbarrada excesiva. Igual non é o momento. Igual ten poucos visos de funcionar. Pero, por ese mesmo motivo, se ti te ves con capacidade de levar isto adiante ou lle ves algo de xeito estou disposto a delegar e ceder toda a coordinación. De feito, o secretismo foi parte do xogo para chegar até aquí, pero podes facer público todo o que levo falado até o de agora… e de feito probablemente eu tamén o faga, pero é venres e xa chega de ordenador.
Xa está todo:
Grazas por chegar a esta parte do correo. Memoriza o código “ESTÁSTRALLADO” porque vale por unha caña cando me vexas por aí! :)

Apertas!

Reglas básicas de cálculo

Standard

Campaña de Comunicación ós traballadores, 2008Hoxe chegoume o documento da Seguridade Social, que recolle as cotizacións laborais dos últimos anos.

Entre a cantidade de datos que incluía, chamáronme a atención 4:

  1. No 2007 había 19.231.986 afiliados á seguridade social
  2. Hai 2,7 afiliados por pensionista
  3. O fondo de reserva totaliza 50.926,9 millóns de euros en marzo do 2008
  4. A cantidade anterior permite facer frente a 9 meses da nómina das pensións.

Así que púxenme a facer algún cálculo e atopei que salvando as datas nas que se ofrecían estas cifras, o salario medio dun pensionista é de case 795€.

Por outra banda, fai uns días saía a nova: A pensión media de xubilación do Sistema da Seguridade Social alcanzou este mes [xuño] a cuantía de 814,42€.

A sorpresa para mín é que as dúas cifras sexan tan próximas… para os xubilados do estado, a sorpresa é poder vivir con estes cartos.

na procura dun nome

Standard

O libro é a escolma de textos e imaxes Proxecto Identidade, que coordinou Besbe.

A letra é de Tati Mancebo, do poemario NósQuen.

A música é de Vale Tudo. Casino no caso do video e Dos piedras no caso do audio.

Mil grazas a todas e todos!

P.D. Algo falla co podpress… e por non tratar de amañalo, deixo o audio para descarga directa.

A Xunta de Galicia e Microsoft

Standard

(un artigo de Manuel Hermo)

O vindeiro martes oito de abril na sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, a Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, Ineo e Microsoft van celebrar a presentación das “Novas ferramentas TIC en galego” para mellorar a produtividade.

Ao acto acudirán, entre outros, o Presidente da Xunta de Galicia e a Presidenta da transnacional na península ibérica que presentará o seu último sistema operativo en galego, lamentablemente aínda non o derradeiro.

É conveniente repasar algunhas cousas. O Consello da Xunta de Galicia, órgano executivo do poder galego, aprobou o 10 de xaneiro de 2006 o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información [1] (PEGSI), que posteriormente foi ratificado, o 30 de marzo, polo poder lexislativo, o Parlamento de Galicia, que ven sendo, nun estado de dereito, a máxima expresión da vontade do pobo, neste caso o galego.

Se, por unha banda, o PEGSI fai unha aposta clara polo uso do software libre e dos formatos abertos de arquivos, a transnacional norteamericana é o máximo representante de todo o contrario, emprego de software privativo e formatos de arquivos pechados, feito que se constata, entre outros, cos reiterados avisos e sancións multimillonarias impostas pola UE.

A primeira sanción foi en marzo do 2004, o importe de 497 millóns de euros, o motivo: abuso de posición dominante [2]. Posteriormente, en xullo de 2006, e desta volta por non ofrecer á competencia suficiente información sobre interoperabilidade. O importe foi de 280,5 millóns [3].

Entrementres, a propia Sra. Neelie Kroes, Comisaria europea de Competencia e despois de múltiples manifestacións como:

- “Sinceramente lamento que a compañía non teña cumprido co que lle pediu a Comisión hai máis de dous anos”.

- “Non se pode consentir que ese comportamento ilegal continúe indefinidamente. Ningunha compañía está por riba da lei”.

anunciaba, en outubro de 2007, que a transnacional, despois de 42 meses ignorando e desobedecendo, por fin acataba as ordes ditadas dende BruXelas, eso si despois de que o tribunal de primera instancia da UE rexeitara sen ambaxes todos os argumentos presentados contra a multa de 497 millóns de euros por abuso de posición dominante [4].

Pese a todo iso, e se se pensaba que xa estaba todo resolto e a paz resultaba inevitable, o pasado mes de febreiro de 2008, a empresa norteamericana bateu unha nova marca, sendo sancionada coa máis alta multa da historia a unha única empresa. A Comisión Europea tivo que voltar a sancionala, desta volta, con 899 millones de euros, o motivo cobrar un prezo excesivo pola información que subministra aos seus rivais para que poidan fabricar produtos compatibles co seu sistema operativo [5].

E a situación non rematou, Microsoft ten na actualidade outros casos abertos, un denunciado polo Comité Europeo de Sistemas Interoperables, refírese á falta de compatibilidade do programa Office; o outro iniciado por denuncia da empresa informática noruega Opera, analizará se é legal incluír o buscador Explorer como parte do sistema operativo Windows. [6]

A situación en Galicia é incomprensible, mentres parte do goberno traballa a prol do software libre que, por certo está en galego hai ben de tempo, tanto os sistemas operativos, como moitas por non dicir todas as aplicacións que calquera pode empregar na súa casa ou traballo, grazas ao traballo desinteresado, calado, anónimo de centos de galegas e galegos e continúa en evolución e desenvolvemento, outra parte segue de ollos pechados negando a realidade que os rodea na que a moitos gobernos do planeta, a propia UE, moitos dos estados que a compoñen, incluído o español, e gran parte dos gobernos de outras comunidades autónomas, apostan claramente polo emprego do Software libre e os formatos abertos de arquivos.

A modo de exemplo véxase un informe da Universidade da Coruña [7] sobre a situación do software libre no ámbito das políticas nacionais e internacionais , que comeza do teor literal seguinte:

O Goberno galego e a Consellería de Innovación e Industria, a través do seu acordo de goberno do pasado mes de xullo de 2005, apostaron decididamente pola dinamización do software libre. Neste sentido, unha das liñas de actuación que se pretende desenvolver é o Observatorio de Software Libre de Galicia, que ten a finalidade de estudar a realidade das empresas, os concellos, os centros educativos e a sociedade galega en xeral, en relación ao uso do software libre. ”

Alguén, se existe quen o saiba, pode explicar á cidadanía galega que está acontecendo en Galicia? Pois segundo semella, a presidenta de Microsoft Ibérica, o vindeiro martes ofrecerá información de primeira man con respecto ás novidades do sector das TIC, e desvelará a estratexia de Microsoft para Galicia, [8] -Nos collan confesados!.-

[1] http://www.sociedadedainformacion.eu/pegsi/pegsi.php?lg=gal

[2] http://www.elmundo.es/mundodinero/2006/07/12/economia/1152692081.html

[3] http://www.elmundo.es/navegante/2004/03/22/empresas/1079986535.html

[4] http://www.cincodias.com/articulo/empresas/Microsoft/pone/fin/42/meses/desacato/CE/cdscdi/20071023cdscdiemp_12/Tes/

[5] http://www.elmundo.es/navegante/2008/02/27/tecnologia/1204108694.html

[6] http://www.elmundo.es/navegante/2007/12/13/tecnologia/1197556899.html

[7] http://www.mancomun.org/images/informe%20inicial%20pol%EDticas.pdf

[8] http://www.codigocero.com/spip.php?article4013