Facebook Blog delicious Flickr Google Reader Gmail/Google Talk Jaiku Last.fm LinkedIn Netvibes Plurk Pownce SlideShare Tumblr Twitter YouTube

Manolo tiña unha leira

Manolo tiña unha leira. Era unha leira de boa terra pero pouco traballada. Tampouco estaba ben situada pero ainda así tiña visos de prosperar co tempo e proporcionar ós veciños bos froitos, xa que tamén tiña tamaño dabondo como para alimentar a todos eles. Así, Manolo, decidiu falar cos seus queridos veciños propoñéndolles:

-Creo que o mellor que podemos facer coa leira é compartila. Penso que todos podemos aproveitar un anaco da mesma e darlle a utilidade que nos preste. Incluso podedes entre vós, aconsellarvos, intercambiar parcelas e facer que esta prospere e con ela vós mesmos que seredes os beneficiarios das súas colleitas. Non dubidedes, tomade o que vos faga falla, porque hai terra suficiente para todos e non hai mellor cousa que poder compartirla e mellorala.

E así foi, algúns dos veciños decidiron cultivar esa terra. Fixéronlle mellores accesos e intercambiaron utensilios de labranza. Incluso algúns decidiron utilizar as sementes xeneradas para as suas propias plantacións e mellorar así, entre todos, cada unha dos colleitas que chegaban en cada tempada.

Xulián tamén tiña unha leira. Era unha campeiro de terra mediocre, pero traballado dende hai moito tempo e por consecuencia, con moi bos accesos. A xente estaba moi acostumada a ir plantar a ela e ainda que o cultivo non era nada do outro mundo, conformábanse con él para ir tirando. Non eran poucas as veces que tiñan que desbotar as colleitas enteiras por un mal crecemento, pero bueno, a xente xa estaba acostumada a ese infortunio. Xulián, comentaba a miudo:

-Penso que a facilidade que vos dou eu, non a tedes con ningunha outra terra. Levades ducias de anos traballando esta terra e pouco a pouco foi mellorando. Ademáis, lembrade que podedes acceder a ela comodamente. Ben sei que algún de vós ten a ben ofrecerme algún carto polo seu uso e eu agradézovolo, pero tampouco pasa nada porque o fagades sen o meu consentimento, xa que podo ter ingresos por outras vías, non vos preocupedes.

Un día o gobernador de todas esas terras, estivo observando os dous sistemas productivos que mantiñan Manolo e máis Xulián. De Manolo, non acababa de comprender qué beneficio podía obter, se os seus labradores aproveitaban todas as súas terras sen retribuilo e ademáis, ó principio, costáballes máis acostumarse a elas, pola novidade. Para Xulián, todo eran louvanzas, as súas terras eran ben coñecidas por lugareños e se ben todo o mundo sabía que era un risco cultivar nelas, a comodidade da rutina diaria compensaba o esforzo que suporía ter cambiar ás leiras de Manolo.

Por ese mesmo motivo, o gobernador mantiña con cartos públicos as leiras de Xulián en lugar de invertir nas de Manolo. De feito, non foron poucas as veces que aproveitaba a boa imaxe pública de Xulián para sair nos medios de comunicación. Os amigos de Manolo, sentíanse frustrados e incomprendidos pola actuación do gobernador, pero mantiñan a súa visión e o seu traballo como un ideal de progreso, modernidade e evolución.

Fin

Non hai moralexa, a realidade é así.

Podcrossing

Levo unhas semanas practicando o podcrossing, e como a c’mmon’s boy lle resultou simpática a cousa, pediume que redactase algo sobre ese palabro inventado. Este foi o resultado:

Podcrossing …coma o bookcrossing, pero con podcasts!

O intercambio de obxectos debe ser, despois do sexo, un dos xeitos de relación social máis estendido do mundo. Agora que as relacións interpersoais están tornándose en novas definicións coa intromisión da rede internet, existen aínda certos movementos que, mantendo os métodos tradicionais analóxicos, fan uso desas novas capacidades tecnolóxicas que se ofrecen hoxe en día.

O bookcrossing é o máximo expoñente deste tipo de accións. Un rexistro en-liña onde queda reflectida a vida dun libro, que por miles de posibles motivos distintos, unha persoa decide ceibar nalgún punto do planeta, agardando que un curioso o recolla. Tan simple coma iso: un colle un libro, rexístrao en bookcrossing.org e libérao coa esperanza de que quen o recolla reflita na mesma web o interese mostrado no libro… e así, ad-infinitum.

Con esta idea de partida nace o Podcrossing. Os podcasts, esa especie de locucións embebidas en arquivos de audio distribuidos pola rede coma sementes, están ocupando un espazo, coma o que anos atrás ocupaban as radios universitarias, locais, piratas,… Pero esa conexión puramente dixital, en ocasións impide que a difusión destes medios alcance a todo o mundo, sobre todo a aqueles que non teñen acceso a ese tecido enredado de bits.

A idea do podcrossing é ben sinxela: gravar un cd de audio co contido dun podcast e perder ese cd nalgún lugar concorrido. Así, sen máis… ben, igual estaría ben escribir na carátula os enderezos web e nomes dos podcasts incluídos. Pero permitir en calquera caso, que a sorpresa do descoñecido poda cativar para sempre ó inocente oínte.

Se a persoa que os escoite gusta do contido, estou ben seguro de que ha facer todo o posible para continuar con esta afección.

…o conto é que nin se me ocurrira poñelo por aquí… :)

A min gustaríame ter un blogue no que falar de call centers

…ou mellor dito, centros de contactos ou chamadas (de aquí en diante: cc), que non sei eu qué sonará mellor.

Matino ultimamente, nos requisitos básicos que deberían ter os axentes que traballan nun cc. Obviamente, todo depende das necesidades e obxetivos dese centro, pero vou poñer simplemente nunha tesitura ós que teñan a ben contestar esta pregunta:

¿Prefires unha persoa que teña grandes coñecementos do que fala, pero non sexa capaz de expresalos con corrección? ¿Ou que non dispoña da capacidade técnica suficiente, pero se explique e che faga comprender as cousas claaramente?

A pregunta é complicada, pero vou poñer dous exemplos: Un técnico dun proveedor de acceso a internet, axudoume a configurar un router, pero porque eu me defendía e interpretaba o que quería dicir, xa que controlar o tema controlaba pero facerse entender xa era outra cousa.  E por outra banda, unha rapaza de atención ó cliente de outro operador cameloume coa súa retórica, boas palabras  e dialéctica, pero ó final o problema tiven que máis ou menos resolvelo eu pola miña conta. Obviamente hai que mollarse e non valen medias tintas, pero por customer satisfaction, quédome coas softskills do segundo exemplo.

« Artigos anteriores
Artigos novos »

Facebook Blog delicious Flickr Google Reader Gmail/Google Talk Jaiku Last.fm LinkedIn Netvibes Plurk Pownce SlideShare Tumblr Twitter YouTube