Moitos teredes visto ou oído falar de “Cadena de favores”, un xeito de ligar ás persoas para conseguir un mundo un pouco mellor. Pois esta semana vou comezar no twitter unha actividade semellante.
Nun momento de individualismos e de desconexión co entorno é necesario retomar as raíces e sentirse parte dunha sociedade conectada. E é que nada se consegue sen esforzo e un non debe queixarse de nada que non tratara de correxir.
A idea consiste en que de luns a venres (5 días) vou tratar de facer algo que me conecte co resto da poboación cercana. E como o punto de partida da interacción co entorno son os sentidos, voulle adicar cada día a un deles e actuar con él no meu espazo de relacións inmediato. Investir o meu tempo en tratar de sentirme un pouco máis vivo.
Se queres formar parte desta actividade, non tes máis que seguir o meu twitter, aínda que tratarei de actualizar aquí as accións diarias que vou ir facendo.
Día 1, a vista: Voume sentar a contemplar o meu entorno. Mirar pola xanela da casa a vida dos demais. Sentarme a carón da persoa que comparte a miña vida, polo puro placer de contemplala. Determe a mirar un verme. Ler unha nova no xornal que me faga reflexionar…
Día 2, o olfato: Pararse a olfatear a comida. Contemplar unha flor e pasar o nariz por ela. Sentir o cheiro a verde dun campeiro. Coller a roupa de outra persoa e afundir nela…
Día 3, o tacto: Deslizar a man polas cousas molladas. Quitar os zapatos e tocarlle os pes á persoa que tes enfronte. Meter a man nun saco de cousas miudas. Acariñar co nariz…
Día 4, o gusto: Saborear o oso das froitas. Lamber os dedos saborosos de outras persoas. Probar unha soa porción diso que tanto che gusta e remexelo na boca máis dun minuto. Misturar doces e salgados e…
Día 5, o oído: Sinte o son dun corazón alleo. Párate a escoitar o silencio dunha casa. Fai musiquiña tocando cos dedos nunha mesa. Escoita a caida da auga dun grifo. Fai dunhas chaves da casa un axóuxere…