(un artigo de Manuel Hermo)
O vindeiro martes oito de abril na sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, a Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, Ineo e Microsoft van celebrar a presentación das “Novas ferramentas TIC en galego” para mellorar a produtividade.
Ao acto acudirán, entre outros, o Presidente da Xunta de Galicia e a Presidenta da transnacional na península ibérica que presentará o seu último sistema operativo en galego, lamentablemente aínda non o derradeiro.
É conveniente repasar algunhas cousas. O Consello da Xunta de Galicia, órgano executivo do poder galego, aprobou o 10 de xaneiro de 2006 o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información [1] (PEGSI), que posteriormente foi ratificado, o 30 de marzo, polo poder lexislativo, o Parlamento de Galicia, que ven sendo, nun estado de dereito, a máxima expresión da vontade do pobo, neste caso o galego.
Se, por unha banda, o PEGSI fai unha aposta clara polo uso do software libre e dos formatos abertos de arquivos, a transnacional norteamericana é o máximo representante de todo o contrario, emprego de software privativo e formatos de arquivos pechados, feito que se constata, entre outros, cos reiterados avisos e sancións multimillonarias impostas pola UE.
A primeira sanción foi en marzo do 2004, o importe de 497 millóns de euros, o motivo: abuso de posición dominante [2]. Posteriormente, en xullo de 2006, e desta volta por non ofrecer á competencia suficiente información sobre interoperabilidade. O importe foi de 280,5 millóns [3].
Entrementres, a propia Sra. Neelie Kroes, Comisaria europea de Competencia e despois de múltiples manifestacións como:
- “Sinceramente lamento que a compañía non teña cumprido co que lle pediu a Comisión hai máis de dous anos”.
- “Non se pode consentir que ese comportamento ilegal continúe indefinidamente. Ningunha compañía está por riba da lei”.
anunciaba, en outubro de 2007, que a transnacional, despois de 42 meses ignorando e desobedecendo, por fin acataba as ordes ditadas dende BruXelas, eso si despois de que o tribunal de primera instancia da UE rexeitara sen ambaxes todos os argumentos presentados contra a multa de 497 millóns de euros por abuso de posición dominante [4].
Pese a todo iso, e se se pensaba que xa estaba todo resolto e a paz resultaba inevitable, o pasado mes de febreiro de 2008, a empresa norteamericana bateu unha nova marca, sendo sancionada coa máis alta multa da historia a unha única empresa. A Comisión Europea tivo que voltar a sancionala, desta volta, con 899 millones de euros, o motivo cobrar un prezo excesivo pola información que subministra aos seus rivais para que poidan fabricar produtos compatibles co seu sistema operativo [5].
E a situación non rematou, Microsoft ten na actualidade outros casos abertos, un denunciado polo Comité Europeo de Sistemas Interoperables, refírese á falta de compatibilidade do programa Office; o outro iniciado por denuncia da empresa informática noruega Opera, analizará se é legal incluír o buscador Explorer como parte do sistema operativo Windows. [6]
A situación en Galicia é incomprensible, mentres parte do goberno traballa a prol do software libre que, por certo está en galego hai ben de tempo, tanto os sistemas operativos, como moitas por non dicir todas as aplicacións que calquera pode empregar na súa casa ou traballo, grazas ao traballo desinteresado, calado, anónimo de centos de galegas e galegos e continúa en evolución e desenvolvemento, outra parte segue de ollos pechados negando a realidade que os rodea na que a moitos gobernos do planeta, a propia UE, moitos dos estados que a compoñen, incluído o español, e gran parte dos gobernos de outras comunidades autónomas, apostan claramente polo emprego do Software libre e os formatos abertos de arquivos.
A modo de exemplo véxase un informe da Universidade da Coruña [7] sobre a situación do software libre no ámbito das políticas nacionais e internacionais , que comeza do teor literal seguinte:
“O Goberno galego e a Consellería de Innovación e Industria, a través do seu acordo de goberno do pasado mes de xullo de 2005, apostaron decididamente pola dinamización do software libre. Neste sentido, unha das liñas de actuación que se pretende desenvolver é o Observatorio de Software Libre de Galicia, que ten a finalidade de estudar a realidade das empresas, os concellos, os centros educativos e a sociedade galega en xeral, en relación ao uso do software libre. ”
Alguén, se existe quen o saiba, pode explicar á cidadanía galega que está acontecendo en Galicia? Pois segundo semella, a presidenta de Microsoft Ibérica, o vindeiro martes ofrecerá información de primeira man con respecto ás novidades do sector das TIC, e desvelará a estratexia de Microsoft para Galicia, [8] -Nos collan confesados!.-
[1] http://www.sociedadedainformacion.eu/pegsi/pegsi.php?lg=gal
[2] http://www.elmundo.es/mundodinero/2006/07/12/economia/1152692081.html
[3] http://www.elmundo.es/navegante/2004/03/22/empresas/1079986535.html
[5] http://www.elmundo.es/navegante/2008/02/27/tecnologia/1204108694.html
[6] http://www.elmundo.es/navegante/2007/12/13/tecnologia/1197556899.html
[7] http://www.mancomun.org/images/informe%20inicial%20pol%EDticas.pdf