Hoxe en día, o tempo que por traballo ou lecer se bota diante do ordenador, supera en moitas ocasións á que anteriormente adicabamos a escribir, ler, pintar, escoitar música ou ver a televisión, por exemplo.
O auxe e evolución dos novos dispositivos tecnolóxicos ademáis, reasigna significados ó que anteriormente coñeciamos por socializarse, compartir, divulgar ou entreter.
Os contidos de lecer, están chegando a nós de diversas formas, pero normalmente focalizanse no ordenador. No do traballo, no da casa, no dispositivo portátil que levamos enriba,… E de formas moi distintas: música que descargamos da rede e reproducimos no móbil; xogos que nos fan participar en solitario ou en grupo dende o noso fogar; series que seguimos dende o seu estreno en calquera outro país do mundo;…
Pero ó que non estamos moi afeitos, é a aproveitar ese fluxo de datos e redireccionalo. É dicir, sí, descargamos ese arquivo co noso programa P2P e queda a compartir (cando queda) para outros. Pero desaproveitamos moitas veces as capacidades e potencialidades da era na que vivimos para seguir empuxando a roda.
Afortunadamente, e de xeito xeneralizado (e xeneralizando) os ordenadores de hoxe en día teñen máis potencia da que realmente podamos sacar rendemento, nun uso medio doméstico. E as redes de datos, ofrecen máis posibilidades que a simple minimización de tempos de espera á hora de descargar un arquivo… así que porqué non aproveitar todo iso?
No exemplo que quería contar, eu na miña casa teño o ordenador sempre encendido e non creo que sexa o único dos que podan estar lendo esto. E do mesmo xeito, teño unha conexión de banda ancha sempre activa. Pero obviamente non paso todo o tempo diante do pc. Entón porqué non aproveitar e prestar o meu equipo para calcular números primos de Mersenne, analizar se hai algunha mensaxe de orixe extraterreste ou axudar a atopar melloras contra o Alzheimer ou o cancro, por exemplo?
Pero incluso indo máis alá, porqué non aproveitar toda esa música que tes almacenada (e/ou video), por exemplo e distribuila para poder escoitala en calquera parte do mundo onde teñas unha conexión a internet?
Desta última parte era da que realmente quería falar dende o principio (sinto as parrafadas anteriores) Existen moitos proxectos de streaming, de audio e video na rede, pero estes últimos días estiven a probar algúns deles e creo que din co proxecto perfecto.
Cando comecei a pensar en que quería dispoñer da miña música onde fose, só tiven en mente 3 puntos de partida: Tiña que ser sinxelo de montar, configurar e utilizar; tiña que poder acceder libremente a calquera peza de música que quixese e tiña que poder conectarme dende calquera outro tipo de equipo e sistema operativo.
Firefly anteriormente coñecido como mt-daap, foi unha das primeiras opcións, pero resultoume dificil poder configuralo e poder acceder a él de forma cómoda. Está pensado na filosofía iTunes e ofrece moi bos resultados, pero requería de maior dificultade á hora de conectarse a él.
VideoLan, foi tamén unha das primeiras alternativas, máis non me permitía esa liberdade de selección que quería. Sería moi sinxelo facer unha radio e estar sempre retransmitindo información, pero non me facilitaba a escolla que quería.
Pero finalmente apareceu GNUMP3d, un servicio que foi incriblemente fácil de instalar (usa un demonio baixo gnu/linux) rápido de configurar (hai un arquivo de configuración en modo texto, magnificamente documentado), o acceso á música é tan sinxelo como navegar por unha páxina web e pulsar o arquivo que queira escoitar e finalmente funciona tan ben, que ata podo escoitar a música na miña Palm T|X xa que o acceso principal é vía html.
Se alguén quere probalo e precisa algo de axuda, non ten máis que pedila… pero se segues a ter un ordenador que estás a infrautilizar, agardo que esta anotación che axude a atoparlle novas funcionalidades.
E se alguén quere ver como funciona a cousa, só ten que pedirme unha conta de usuario… ![]()