Dia do Patrón. Manual de uso e disfrute. (I)
O día do patrón, ben ser a exaltación máxima da festa popular.
Chegado o verán, a nosa terra salpícase de celebracións e festexos, e estou seguro que se un quixese/puidese, podería ir saltando de festa en festa dende xuño até setembro, sen que ningún día tivese carencia de festexo asegurado.
Dende aquí vou dar unhas pinceladas (que agardo se completen nos comentarios
) sobre o funcionamento, características, e consellos para unha boa celebración da festa nai.
Normalmente, o día do patrón, fai coincidir a celebración d@ sant@ patrón(a) da parroquia en cuestión, cuns festexos pagan-relixiosos que tratan de homenaxeal@. Soe haber un día grande, no que a capilla d@ sant@ é engalanada de xeito especial e celébrase ademáis unha procesión, na que moitas veces é complicado conseguir ter a honra de levar ás costas a imaxe louvada. A misa das 12 é o punto de inicio de tal conmemoración, que se completa co lanzamento de bombas de palenque de ruido ensordecedor (cobizadas polos rapaces que pelexan por atopar as canas), e un pasarúas a cargo dalgún grupo rexional con gaita, tamboril, e bombo. Remata esta parte coas tradicionais pezas da misa, amenizadas pola orquestra contratada para tal efecto (e que normalmente tocarán tamén na festa nocturna), onde un popurrí de salsas, merengues, pasodobles, rancheras e demáis bailes populares, fan as delicias de nenos e grandes, mentras van facendo boca para o xantar que se aveciña.
Unha panorámica amosa no campo da festa (normalmente un campeiro) a situación privilexiada e central do palco, que é acompañado dos bares (simples barras cubertas cun toldo a proba de calquera climatoloxía) onde os preciados Larios con Coca-cola e Martinis compiten entre sí por ser a bebida oficial da festa. E seguen multitude de barracas con xogos diversos que van desde as tradicionais barcas (nas que se celebraban as competicións por saber quen a levaba máis alta… a risco de sair despedido polos aires); o tiro (onde as escopetas de balíns descalibradas e os palillos irrompibles facían imposible conseguir o preciado agasallo); o tio vivo (en multitude de versións, formas e cores, pero sempre con vistosos debuxos); os coches de choque (se os Modern Talking coñecesen a SGAE!!!); e un sinfin de atraccións, a cada cal máis espectacular. Non debemos esquecer ademáis os postos de xoguetes e larpeiradas, onde ainda hoxe é posible mercar un paquete dos míticos chicles bam-bam, ou as pipas de bolsa branca de 5 pts.
A comida do día do patrón soe vir caracterizada por uns platos comúns, a saber: Empanada, callos e carne asada. Existindo variantes de paella, lacón asado,… ou calquera outra comida abondosa de calidade e que resultaría imposible rematar, incluso ainda que viñese comer toda a parroquia. Ademáis nos postres, non han faltar roscóns, queiques, e queixo do pais. O alcol é cousa aparte e o viño da casa toma lugar preferencial na mesa, e baixo ningún motivo debe faltar.
Toda esta cantidade inxente de comida durará varios días e servirá para a alimentación semanal de toda a familia… todos sabemos que vale máis que faga mal, ca que sobre.
(continuará?)



Varias precisións:
- A misa das 12 ou as 13, a seghún os usos, é a misa cantada e solemne, non vaiamos pensar que é o mesmo que ir á das 9.
- Non desvalorices o establecemento de bebidas espirituosas, que bar nin que hostias, CHIGHRE, así, en maiúsculas e con moito orghullo.
- E o grande evento deportivo: o partido de futebol solteiros-casados. Só me desacougha o aquel de patriarcado que ten, dende pequena quixen xoghar nese partido e aí se debeu truncar xa unha posible carreira futbolística.
…mágoa de ronaldinha! Tamén hai unha variante gordos e fracos, da que non vou facer comentarios.
Hoxe en día a ghincana co fura e o r5 acabaron co deporte rey.
Na miña aldea no mes de setembro temos unha festa moi similar á que comentas con tódolos topicazos. Ah… non só hai partido de solteiros-casados senón tamén solteiras-casadas con moita máis expectación.
Alguén me contaba que a múseca nas festas chama ó demo e os foguetes fanno liscar outra vez. Un xeito de lindar co trasmundo e reirse dos nosos própios pantasmas. Agora, como adulto, teño que deixarme atrapar polo pensamento para recuperar aquelas vellas sensacións que me cautivaron de neno. Aquel rebunbio que se montaban nas casas as víspras, superaban en emocións o mesmo día da festa.
Vexo que estás moi posto pero non te perdas o Festival de Pardiñas o 7/8 de Agosto, unha festa para comenzar polo xantar cos amigos e vivi-la festa, o de menos é quen actúa.
E xa postos cos foghetes, outra desas vellas sensacións das que fala Dorvisou: percorrer os prados todos dos arredores do campo da festa en busca das canas dos foghetes, a ver quen topaba máis. Un ghrupo de nenos coa mirada fixa na traxectoria do proxectil que volvía a terra, un arduo debate á carreira: “Por aquí, que caeu na de Farruquiño”, “Non caeu máis alá, onda a Cal do Castro”, “Mirade, alí, entre os eucaliptos da Conda”…
…na costa as bombas tiranse contra o mar, logho pasados uns días hai que ir buscalas na praia…
…eu tamén corría tras os fogetes, tiña tres tipos de manchas na roupa o negro da pólvora, a grasa do fubolín e unha mistura de terra e herba de andar rolos
Paleón, tedes unhas costumes que válganos dios